O Peirao pecha con éxito a súa primeira participación con stand propio en Conxemar

A Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao acudiu por primeira vez con stand propio á 27 edición da feira Conxemar, un dos principais eventos do sector da pesca a nivel internacional. Desenvolto entre o 6 e o 8 de outubro, o evento concentrou a 835 expositores de 47 países distintos, polos que pasaron 31.374 visitantes, logrando cifras récord para a mostra.
A través dunha representación composta por membros da directiva de O Peirao, asociadas e persoal técnico, a Federación reclamou o seu papel esencial na cadea mar-pesca, sen o que os seguintes elos da industria non poderían funcionar. Así, as persoas que se achegaron ao stand puideron coñecer de primeira man o traballo destas profesionais a través de demostracións das distintas artes e dunha pequena mostra de diversificación profesional. As redeiras presentes compartiron as dificultades e as reclamacións do colectivo e o traballo que se está a desenvolver desde a Federación para afrontalos.
Durante os tres días que durou a feira, achegáronse ao espazo da Federación representantes institucionais de distintas administracións e países, profesionais do sector, estudantes, medios de comunicación e público xeral, cos que dialogar e avanzar distintas propostas de cara a futuro.
A participación na feira Conxemar da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao foi posible grazas á colaboración da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.