As redeiras galegas amosan en Santiago o seu traballo a través do programa Saberes no Camiño

WhatsApp Image 2021-09-05 at 12.34.50
WhatsApp Image 2021-09-05 at 12.34.50

Malpica de Bergantiños, 24 de setembro de 2021.- A Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao desenvolverá esta fin de semana o programa Saberes no Camiño, co que pretende poñer en valor a profesión de redeiras como unha profesión das mulleres do mar vinculada ás distintas localidades pesqueiras polas que discorren os distintos camiños de Santiago. Na iniciativa participarán máis de 50 redeiras chegadas de distintos puntos de Galicia, Asturias e Cantabria.

Así, durante este sábado, 25 de setembro, a Obra Social Abanca, en Praza de Cervantes, acollerá a pop up Saberes no Camiño, na que as redeiras da Federación amosarán o seu traballo a quen se achegue polas instalacións. As persoas que se acheguen poderán comprobar como as redeiras elaboran distintos instrumentos pesqueiros para as artes de palangre, arrastre, cerco e artes menores e poderán ver in situ algunhas destas redes ao tempo que as profesionais lles explicarán en que consiste o seu traballo.

O programa de actividades tamén inclúe visitas guiadas a lugares emblemáticos do eido xacobeo na capital de Galicia co fin de que estas profesionais coñezan máis polo miúdo os emprazamentos xacobeos en Compostela, o seu significado e a cultura que xira en torno a este fenómeno.

O domingo, 26 de setembro, as redeiras, participantes, máis de 50, realizarán un treito da Vía da Prata chegando á Praza do Obradoiro en torno ás 11,30 horas da mañá.

A iniciativa está financiada con cargo ao programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, e conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade, Galicia Calidade, a Fundación Artesanía de Galicia, a Consellería do Mar e Abanca.