info@redeirasdegalicia.org

periodicosNOTICIAS periodicos

<< Volver a Noticias

«Mar comprométese a colaborar coas redeiras galegas para acabar co intrusismo e fomentar a formación ….»

Rosa Quintana inaugurou a asemblea anual da Federación de Redeiras ‘O Peirao’ e atendeu as súas demandas

Santiago, 08 de agosto 2009.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, ofreceu o apoio da súa Consellería á Federación Galega de Redeiras Artesáns “O Peirao”. A responsable de Mar e maila directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, mantiveron un encontro coas traballadoras durante a celebración da asemblea xeral anual en Santiago no que as propias redeiras lles trasladaron as súas preocupacións e do que obtiveron o compromiso da conselleira de intentar mellorar a situación laboral deste colectivo.
As redeiras da Federación amosaron a súa preocupación pola falla de apoio da Administración nos últimos anos a pesar do grave problema que lles supón o intrusismo profesional e maila contratación de man de obra ilegal. Rosa Quintana ofreceu “tenderlles a man para rematar con esa lacra e que poidan desenvolver o seu traballo”. Neste senso, subliñou a necesidade de aunar esforzos para a supervivencia dun oficio de gran importancia para Galicia e para garantir a continuidade dunha profesión con moitas posibilidades de futuro. “A idea é que poidan ir sumándose novas xeracións”, aseverou.
A responsable de Mar anunciolles a intención da Consellería que representa xunto coa Consellería de Traballo de lles brindar o seu apoio común a través dun programa de loita contra a fraude promovendo grandes avances nos seus dereitos laborais. Tamén se comprometeu a potenciar a formación para acadar a cualificación profesional que permita o exercicio regulado da profesión e asegurou que “comeza unha nova etapa para estas traballadoras ao recuperar o apoio total e directo da súa Consellería”.
Máquina de enfiar
Tal e como llelo solicitaron, a conselleira contemplará a posibilidade de levar a cabo un proxecto no que xa traballa o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), dependente da Consellería, para a fabricación dunha máquina enfiadora de agullas capaz de suplir o traballo manual que require o seu labor.

[Este sitio web se actualiza periódicamente]

<< Volver a Noticias