info@redeirasdegalicia.org

periodicos A Federación INFORMA periodicos

<< Volver a Proxectos

«Xornadas de Intercooperación Nexus-Rede “As Redeiras Galegas por un Emprego digno e de calidade”»

No marco do Proxecto EQUAL-NEXUS-REDE que a Federación de Redeiras Artesás de Galicia O PEIRAO, está a desenvolver, vai ter lugar os vindeiros 9-10 de Novembro a Xornada de Intercooperación das Redeiras Artesás de Galicia baixo o lema “AS REDEIRAS GALEGAS POR UN EMPREGO DIGNO E DE CALIDADE”. A Federación de Redeiras asocia a 12 das 14 asociacións de redeiras de Galicia e aglutina arredor de 200 mulleres.

O proxecto NEXUS REDE ten como obxectivo mellorar a adaptabilidade das entidades de economía social galegas e das persoas que as integran aos cambios económicos que conforman o novo marco competitivo empresarial. A iniciativa tenta potenciar a consolidación do emprego de calidade con especial atención a colectivos en risco de exclusión laboral en xeral e ao autoemprego en particular. Nel participan ademais da Federación de Redeiras a Consellería de Traballo. Dirección Xeral de Relacións Laborais, Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Universidade de Santiago de Compostela, Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), Unión de Cooperativas de Traballo Asociado – UGACOTA e Federación de empresas cooperativas SINERXIA.

A Federación de redeiras ten participado activamente nas distintas actuacións e actividades que se puxeron en marcha a través do proxecto: formación presencial a través da Escola Cooperativa Móbil, teleformación, participación en plans de intercooperación e mellora, visitas trasnacionais, etc. Coidamos que chegou o momento de facer balance das actividades desenvolvidas e propor novas actuacións tendentes a consolidar o traballo das redeiras como unha profesión estable, de calidade e digna. Na actualidade téñense dado pasos de importancia, co apoio e participación das distintas administracións públicas. Porén a situación de intrusismo e ilegalidade que aínda se vive no sector, coarta as posibles iniciativas de desenvolvemento, polo que é preciso artellar mecanismos de intervención e de colaboración para facer fronte a este grave problema. Nestas xornadas que teñen o obxectivo de reflexionar e facer propostas de futuro, espérase contar coa presenza das distintas administracións públicas e axentes sociais relacionados co sector, para que traballando conxuntamente se consolide o oficio de redeira como unha alternativa profesional de futuro, digna, estable e de calidade.