info@redeirasdegalicia.org

periodicos A Federación INFORMA periodicos

<< Volver a Encontros


«I ENCONTRO DE REDEIRAS»

PRESENTACIÓN
O día 8 de abril de 2003, no hotel Congreso de Santiago de Compostela tivo lugar o “I Encontro de Redeiras”. Este Encontro estivo organizado pola Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia ó obxecto de emprender un camiño que mellore as condicións de traballo das persoas dedicadas á reparación e á montaxe de aparellos de pesca nos portos galegos.
A convocatoria de asistencia non se fixera extensiva a todo o colectivo. Seguiuse un procedemento proporcional para que tódolos portos tiveran cabida. Un total de cen redeiras e redeiros xuntáronse no Encontro. Xunto a estas persoas, participaron no encontro técnicos da Administración e persoal da Axencia de Desenvolvemento do Litoral de Galicia (ADELGA).
A organización temporal do Encontro, ceñíuse a unha xornada intensiva dentro do Hotel, provisto dunha perfecta organización de servicios complementarios. A organización da xornada distribuíuse entre exposición matinal e o traballo en grupos durante o serán.
Ás participantes distribuíuselles un material adicional que contiña información sobre a Axencia de Desenvolvemento do Litoral de Galicia (ADELGA), o detallado e completo “Estudio socioeconómico das redeiras/os en Galicia” de Iglesias Toimil y Gago Moldes (2003) e unha lista completa das participantes, ordenada por mesas de traballo, de cara a organizar axilmente os grupos.
INTRODUCCIÓN
A Directora Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Rosa Quíntana, foi a encargada de inaugura-lo Encontro e dá-la benvida ás participantes.
As asistentes, todas elas redeiras en activo, procedían dos portos de Cedeira, Cariño, Bares- O Barqueiro, Celeiro, Foz, A Coruña, Lorbé, Cambados, Cangas, Portonovo, Redondela, Marín, Corme, Malpica, Laxe, Ribeira, Aguiño, Muros, Portosín e Porto do Son.
O primeiro impacto que estas atoparon foi visual. Un centenar de redeiras/os procedentes de 21 portos de toda a costa galega, reunidos no mesmo tempo e espacio para falar da súa profesión. A segunda impresión foi informativa. Non eran só elas, había un números importante de persoas desempeñando algún tipo de traballo relacionado co cosido de redes; e finalmente, o terceiro que foi a constatación de que a Xunta interésase polos seus problemas.
A Directora de innovación e Desenvolvemento Pesqueiro ofreceu algúns datos sobre o sector. A información estatística foi unha das primeiras aportacións informativas que recibiron as redeiras. O cosido, mantemento e montado de aparellos, ocupa a un importante número de persoas en Galicia.”.. Calcúlase que en torno a un millar de persoas dedícanse á reparación e a montaxe de aparellos de pesca nos portos galegos. Destas, o setenta por cento son mulleres... Esta profesión estivo tradicionalmente suxeita a relacións de tipo familiar, onde, o traballo das mulleres, concíbese unicamente como axuda familiar...”.
Por isto, Quíntana animou ás redeiras a profesionalizarse. A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos está apoiando a profesionalización da labor de redeira. Un dos métodos de fomenta-la profesionalización é a realización de cursos de capacitación profesional en diferentes portos galegos.
Outra das posibles actuacións corre a cargo das propias redeiras, por isto , Rosa Quíntana, animou ás redeiras a progresar no asociacionismo como vía para mellora-las condicións laborais do colectivo e comprometeu o apoio da Consellería de Pesca nesta labor. A realización destes encontros era un primeiro paso nesta dirección, posto que o de “fomenta-lo asociacionismo e a profesionalización” das/dos redeiras/os, como tivo ocasión de explica-la Xefa de Servicio de Fomento da Organización Sectorial, Pencha Santamarinas.
OBXECTIVOS
Pencha Santamarinas definiu o obxectivo do encontro como un proceso, no que neste acto, poñíase a primeira pedra para comezar a traballa-las bases que foran definindo unha futura asociación profesional das/dos redeiras/os.
O fin derradeiro é o de mellora-las condicións de traballo destas persoas, pero para isto precísanse elementos que co-axuden, tales como a profesionalización do sector e o asociacionismo.
Os obxectivos operativos desta xornada de traballo eran:
- Lograr que as redeiras de distintos portos e reparadoras de distintos artes poideran encontrarse.
- Conseguir que foran conscientes da importancia do sector.
- Darlle-la oportunidade de dialogar sobre os seus problemas.
- Abrir un camiño hacia o asociacionismo local.
A Xefa de Servicio de Fomento de Organización Sectorial, a partir da súa experiencia de creación doutras organizacións, sentou as bases destes encontros, e apuntou a importancia que tiñan para o sector e que o sector debía aproveitar. A chamada de atención e o rexeitamento dun inmobilismo que se lamenta da súa situación foron aspectos remarcados para animar ó colectivo cara a unha actividade asertiva e proactiva.