info@redeirasdegalicia.org

periodicos A Federación INFORMA periodicos

<< Volver a Encontros


«II ENCONTRO DE REDEIRAS»

O II Encontro de Redeiras tivo lugar o 30 de outubro de 2003 en Santiago de Compostela. Ademais de reforzar e animar ás asociadas no seu empeño de seguir adiante, o Encontro pretendía ser un lugar de intercambio de experiencias e de busca de solucións a algunhas das dúbidas que as asociadas tiñan. Atendendo ó obxectivo da Xornada optouse por unha descrición dos feitos seguindo o programa, de xeito que as persoas que non estiveron presentes poidan coñecer o contido exacto desta reunión.
Xa que hai unha parte de exposición de experiencias, dúbidas e dificultades das asociacións que deben ser tidas en conta procedeuse á trascripción, na maioría dos casos literal, dos comentarios das portavoces. Así mesmo, inclúese a mesa de debate con representantes do ISM e da Axencia Tributaria na que se tratou de solucionar unha serie de dúbidas que as asistentes tiñan. O método de exposición é o que alí se levou a cabo, a través de pregunta-resposta.
Para este encontro preparáronse unha serie de materiais. Algúns destes materiais respondían ás demandas das propias redeiras. As carpetas que se distribuíron entre as participantes non só contiñan o programa de II Encontro e o listado das participantes, senón que tamén incluía a Orde do 29 de marzo de 1999 pola que se crea o censo de profesionais autónomos, unha proposta de Estatutos do que podería ser a Federación de Redeiras Galegas, impresos de denuncia á Inspección de Traballo e un borrador de programa para un curso de formación que sería discutido ó final da xornada. Xunto con estes materiais distribuíuse unha pequena publicación coas Conclusións do I Encontro de Redeiras, celebrado o 8 de abril do 2003.
INTRODUCCIÓN

O Ilmo. Sr. Subdirector Xeral de Ensino e Desenvolvemento Pesqueiro, Eduardo Suárez Campo, comezou a xornada dando a benvida ás participantes. O símil do desenvolvemento do asociacionismo entre as redeiras foi moi efectivo á vez que gráfico.
“Dar o primeiro paso sempre custa máis. Despois as inercias son máis fáciles. Pero sempre, dado o primeiro paso, a cousa é máis fácil. Eu comparo isto co proceso que estou vivindo. Teño un neno de poucos meses que empezou a camiñar. Primeiro gateaba e estaba contento, pero un día púxose de pé e viu o mundo desde outra distancia, con outra perspectiva. Tiña outra forma de desprazarse. Ó principio se caía, pero foi collendo confianza e pouco a pouco foi máis seguro. Logo foi á gardería e compartiu con outros nenos o mesmo proceso. Puxéronse a andar xuntos e cada vez anda mellor e agora anda moi seguro pola casa. E iso pasa tamén co proceso que estades a facer vós. Fai tres meses estabades gateando, despois e case de súpeto, cambiou o punto de vista. Constituístesvos en asociacións. Este momento, no que estades agora , non sabedes como avanzar, non sabedes os problemas que están a chegar cómo solucionalos. Esas cousas son as que nestes Encontros imos revisar e coa axuda da Consellería e cos Axentes de Extensión e os axentes de ADELGA; primeiro recoñecer a labor que facedes e, coa vosa propia capacidade, revisar os obxectivos que propuxestes no primeiro encontro e todo o que queriades conseguir e que pouco a pouco hai que ir conseguindo.
Suárez Campos indicou a importancia que tivo o asociacionismo doutros grupos coma as mariscadoras e a grata impresión que este colectivo causa entre a poboación. “Espero que de vós se poida dicir o mesmo e nese camiño para logralo ides contar sempre coa axuda e a colaboración da Xunta”.
Esperando que o Encontro sexa fructífero este Subdirector cede a palabra a Dna. Elisa Gago que, como coordinadora do encontro, encargouse de presentar a orde do día da xornada e a documentación que se facilitou ás participantes. Así mesmo presentou a Dna. Prudencia Santamarinas, Xefa de Servizo de Fomento da Organización Sectorial, e a Dna. Paloma Rodríguez, do Servizo de Fomento e Igualdade entre Homes e Mulleres, que serían as seguintes en dirixirse ó auditorio.
Dna. Prudencia Santamarinas felicitou as que alí estaban porque foron as pioneiras do desenvolvemento e do que pode ser o futuro das redeiras de Galicia e porque deron un paso importantísimo.
Según esta: “Este Encontro non estaba planificado porque se adoitan facer cada año, pero dado o desenvolvemento dos acontecementos, desde abril ata esta momento constituíronse 8 asociacións e 3 están en proceso de constitución. Creo que o resultado é espectacular e que non se pode pedir máis nun espacio tan curto de tempo porque asociarse non é fácil. Todos sabemos o que custa facer unha cousa destas. Marchastes tan convencidas e con tantas ganas de facer cousas que os resultados son evidentes”.
OBXECTIVOS
• Que as redeiras dos distintos portos e de distintas artes se atoparan e puideran dialogar sobre os seos problemas, porque cando a xente se xunta e ve o que as outras fan, empezan a ver novas e posibilidades. Xa con xuntarse e falar se comezan a cambiar cosas. “A xente cando volve a casa tras un encontro destes xa cambiou porque ven máis posibilidades. Se estamos a traballar soas, illadas, en cada porto e sen comunicarnos con outras pensamos que o mundo só é así. E cando falas con outras te levas sorpresas. Só con enterarnos do que fan outras persoas xa experimentamos un cambio importante”.
• Abrir un camiño cara ó asociacionismo laboral, porque a solución ós vosos problemas debedes atopa-la vós. A solución ós problemas dos colectivos profesionais nin vía vir de fora porque, aínda que outros grupos e a propia administración poidan axudar, son as propias redeiras as que máis saben do seu traballo e da súa situación e porque ademais elas son as máis interesadas porque está en xogo o seu futuro. “vos sodes o motor do cambio e debedes ter moi claro que as cousas cambiarán na medida que vós queirades”.
• “Se se dan conta que cada unha polo seu lado, illadas, non fan nada e que a unión fai a forza, cando menos en cada un dos portos deben asociarse as que queiran e as que poidan”. A creación de asociacións sería positiva neste senso xa que se se xuntan tres ou catro persoas van te máis forza que se cada unha está soa e ademais sempre hai emprendedoras que son capaces de iniciar o camiño para que o sector mellore. O cal beneficiará ó colectivo completo.