<< Volver a Encontros

«As redeiras da Federación galega de redeiras artesás “O Peirao” visitan Cantabria e Euskadi»
Do 6 ó 11 de xuño representantes da Federación Galega de Redeiras Artesás “O Peirao” visitaron as comunidades autónomas de Cantabria e Euskadi. O obxectivo da viaxe foi visitar e establecer contactos coas redeiras dos diferentes portos do Mar Cantábrico. Para iso, contactouse previamente coas confrarías e redeiras das diferentes localidades nas que existen estas profesionais.
A esta viaxe asistiron as membros do Consello Rector da Federación de Redeiras, ademais de presidentas e directivas das distintas asociacións do total de nove que están integradas na Federación (A Mariña lucense, Cariño, Cedeira, Laxe, Lorbé, “Maruxía” de Cambados, “Mar da Illa” e “O Fieital” de Malpica, e “Virxe do Carme” de Porto do Son, Portosín e Aguiño).
Visitaron as redeiras das localidades de Santoña, Colindres e Laredo en Cantabria, e de Lekeitio, Ondarroa, Getaria, Orio e Hondarribia en Euskadi. As redeiras destes portos dedícanse á reparación de redes de cerco. Intercambiáronse experiencias e coñecementos acerca dos utensilios e roupa de traballo que usan cada unha delas, así como as diversas técnicas de reparación e montaxe de redes. Tamén tratouse o tema das diferentes formas de coordinación e organización nos grupos de traballo, e debateuse sobre a situación laboral das redeiras doutras comunidades, que ó igual que en Galicia, cotizan como autónomas no ISM. Os prezos, horario e idoneidade do local de traballo varían segundo a localidade, aínda que en xeral dispoñen de naves deseñadas exclusivamente para elas e adaptadas as súas condicións de traballo.
Conclusións:
En todos os portos, a acollida foi excelente, e mostraron interese por coñecer o proceso seguido para a constitución das asociacións de redeiras galegas, e a da Federación. Asimesmo, amosaron o seu desexo de manter o contacto entre todas as redeiras profesionais, a través da organización no futuro de Xornadas e Encontros, e incluso propuxeron a creación dunha Confederación de Redeiras do Cantábrico.